• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. AGOSTO-SETEMBRO 2018

NOVOS LANZAMENTOS. AGOSTO-SETEMBRO 2018
7 OUTUBRO 2018

 

Aquí y AhoraSinestesia

No seu último traballo preguntaban ¿Quién va a poder con esto? (Rock CD Records, 2016) e seica Sinestesia puido con «esto» e máis. Dous anos despois do lanzamento do seu cuarto álbum, a banda publica Aquí y Ahora (Rock CD, 2018), EP composto por cinco cortes gravados, mesturados e masterizados por Iago Pico en Pouland (Santiago de Compostela). Aquí y Ahora chega ao seu fin, o disco que comezaron a «contar» a principios de ano, sacando un tema por mes, que comezou cun directo de “Aquí y Ahora” e que remata co videoclip de “Súbito”. Cunha portada elegante e minimalista, obra de Carme Cerviño, quen traballou a partir de fotos aéreas do traxecto Santiago-Valencia, este novo traballo presenta cancións que se explican a si mesmas, pezas luminosas e mesmo anaquiños de espontaneidade a ritmo dun pop-rock e country embriagador.

 

 

 

 

DuetosEmilio Rúa

En plena madurez musical, Emilio Rúa dá un paso máis na súa carreira e publica Duetos (2018), o seu novo traballo discográfico; un disco que «colmará as expectativas» dos seus seguidores e será un descubrimento para todo aquel que aínda non coñeza ao compositor ourensán. Duetos marca a maioría de idade para Rúa, quen levan 18 anos «editando discos e compoñendo cancións» e, para celebrala, rodouse de 16 grandes figuras do panorama musical. Pablo Milanés, Víctor Manuel, Josele Santiago, Rozalén, Carlos Goñi (Revólver), Soledad Giménez o Rosa Cedrón son algúns dos artistas que participaron neste álbum, composto por temas como “Iolanda”, con Milanés cantando en galego, ou “Vida Miña”, interpretada por Rozalén.

 

 

 

 

FASusana Seivane

Logo de oito anos de silencio discográfico, Susana Seivane presentaba FA (2018), o seu novo —e esperado— álbum a mediados de setembro. Sen perder esa esencia que a define, Seivane explora novos ritmos, melodías nas que impregna modernidade na tradición con composicións frescas e contemporáneas que, sen afastarse da autenticidade dos primeiros gaiteiros, se abren a outras influencias musicais. Os 12 temas que compoñen FA recollen os sentimentos do embarazo e a maternidade, incluíndo experiencias vividas cos seus fillos Fiz e Antón (FA), ademáis dunha visión introspectiva dos convencionalismos, a familia e a plenitude persoal. En FA escoitamos a unha Susana Seivane máis intimista, romántica e inspiradora; escoitamos... literalmente, xa que a artista canta en temas como esta “A Nana Dos Bicos”.

 

 

 

 

Zapatos NovosGuezos

Catro anos despois d’un longo camiño, Guezos entrou de novo en Estudio A Ponte (Santiago de Compostela) onde, baixo as expertas directrices de Tomás Ageitos e Dr. Chou, a banda ourensá gravou Zapatos Novos (2018), o seu último traballo discográfico. O seu folk baila con rock, pop, reggae e rumba de xeito auténtico e natural nun álbum que contén temas moi diversos, de potente carga emocional, aínda que Guezos escollera o máis desenfadado como single presentación. “Pepiño Malasangre” narra a historia dun apaixonado da augardente ao ritmo de folk-fusión e un vídeo do máis arriscado. Realizado por Áitor Uve e César Soberbio, o clip combina unha actuación da banda en Xílgaro Estudio cun alegre percorrido polas rúas ourensás, desde a praza do Ferro, ata a rúa do Paseo, Concoria ou Viños, onde vemos a Guezos acompañado de decenas de maiores e pequenos desfrutando das peripecias de Pepiño e, sobre todo, da boa música.

 

 

 

 

You’re the OneÁngeles Dorrio

A vocalista Angeles Dorrio, coñecida pola súa longa experiencia en formacións de jazz e soul, sorprende cun novo single, “You Are The One”, gravado hai máis dun ano xunto con DJ Ino. O corte está incluído no último EP do DJ coruñés Better (Be Adult Music, 2018), no que, ademais de a Dorrio, escoitamos tamén as colaboracións de Carmen Rey, a súa compañeira en Ejazz, e o produtor portugués MC Johnny Def. Publicado a finais de agosto, en “You Are The One” a potente voz de Ángeles Dorrio destaca entre acordes electrónicos, propios do deep house, que non só fará que saias a bailar, senón que te transportará a unha desas festas celebradas no corazón de Ibiza.

 

 

 

 

4.0 SoundtrackMUUM

Hai un par de anos que o dúo MUUM comezou a súa viaxe compoñendo e gravando bandas sonoras orixinais para espectáculos escénicos de danza e novo circo, creacións nas que engarzan atmosferas e ambientes sonoros con electrónica e voces. A súa última composición foi para 4.0, espectáculo de Sue Moreno que combina as técnicas aéreas de circo con cancións e teatro físico nunha estrutura de 6 m de altura. Os cinco cortes que conforman 4.0 Soundtrack (2018) foron creados tanto para enriquecer os movementos do artista como do show, baseado no día a día dunha muller que tenta conciliar traballo, vida e maternidade.

 

 

 

 

Viejos y Nuevos AzulesDenis Carballás

Aínda non se cumpriu un ano desde que Denis Carballás (The Riggos) iniciou o seu proxecto en solitario e xa leva publicado unha decena de singles. Encerrado no seu cuarto, acompañado da súa guitarra, unha mesa de mesturas e un micrófono, o músico vigués estivo a lanzar «cancións que quedaron estancadas na súa cabeza para poder tocalas despois en concertos». A última entrega é Viejos y Nuevos Azules (2018), EP que recompila catro temas «que, dun xeito ou outro, xa existían: dous son versións lonxanas e dous son versións próximas».

 

 

 

 

CheinllesDavid Quinzán

O seu último EP, Melancolía Jackson (2018) data de febreiro, un traballo no que David Quinzán ofrecía máis narrativa a ritmo de world music. Eses novos aires power-pop con tinguiduras sintéticas dos oitenta, sintetizadores e caixas de ritmos escóitanse tamén en Cheinlles (2018), unha oda ao cambio en castelán e inglés, e o derradeiro dos retais musicais que o lucense veunos regalando durante o pasado verán.

 

 

 

 

O Bosque do asubiadorEfraím Díaz

Efraím Díaz segue a recuperar o pito pastoril galego e, desta vez, non o fai só. Gravada no Palacio da Ópera da Couruña xunto coa Banda de Música Municipal da cidade, O bosque do asubiador (2018) é a primeira peza composta para pito pastoril galego, obra do compositor vigués Juan Durán, e a primeira estreada nun concerto para pito e banda. Para esta ocasión, Díaz escolleu un pito pastoril Alto de Sol que encaixou á perfección co resto dos instrumentos nunha obra «fresca, moi bucólica» de música tradicional, a nosa, e contemporánea.

 

 

E se queres estar ao día dos últimos lanzamentos dos artistas e grupos da plataforma, sigue as nosas listas de novidades en Spotify e, agora, tamén en Playmoss:

 

 

 

  noticias